Catro centros de formación agroforestal, entre os que está Sergude, comezarán en febreiro o proceso para lucir o certificado de Km 0 // Máis dun 65 % dos alimentos que entren nas súas cociñas serán de produtores da contorna.

Autoridades e personal de cociña no CFEA de Sergude, inmerso no proceso de certificación de Comedor Km 0

A Consellería do Medio Rural comezará o vindeiro mes de febreiro o proceso de certificación Comedor Km 0 dos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) ligados a este departamento. Trátase dos CFEA de Sergude (Boqueixón), de Lourizán, de Becerreá e Pedro Murias (Ribadeo), integrados todos eles na Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que depende da devandita Consellería.

Lonxe queda aquel mes de xulio de 2019 no que o CEIP Xacinto Amigo Lera de Portomouro (Val do Dubra) convertíase no primeiro centro a nivel galego e un dos primeiros a nivel estatal en conseguir a distinción kilómetro 0.

Este recoñecemento busca poñer en valor as boas praxes sobre aprovisionamento e manexo do alimento que se veñen facendo nos comedores destes centros, pero sen esquecer a marxe de mellora que poidan presentar. Polo tanto, o labor a desenvolver pasará pola introdución de posibles correccións que se poidan levar a cabo en cada comedor, atendendo ás súas necesidades individuais e proporcionando as ferramentas precisas para corrixir as carencias atopadas.

Este procedemento dará comezo coa auditoría dos catro centros. O obxectivo é acadar, polo menos, un abastecemento dun 65 por cento de produtos de proximidade que proveñan, dentro do posible, de canles curtas de comercialización. A intención é que nos comedores dos centros de formación agraria se consuman alimentos de produtores da contorna.

Así, búscase traballar en coherencia cos fundamentos que se están a ensinar nos propios centros de formación, no sentido de valorar a produción alimentaria galega e implementar a súa filosofía de desenvolvemento sostible.

VERTEBRACIÓN DO TERRITORIO. A creación deste tipo de canles curtas supón unha aposta pola viabilidade das pequenas e medianas explotacións no rural, favorecendo a cohesión entre estas zonas e as periurbanas e urbanas, o que facilita a vertebración do territorio. Pero ademais, este tipo de canles de proximidade teñen asociadas unhas taxas baixas de emisións, por mor da ausencia de grandes desprazamentos, polo que xeran unha menor pegada de carbono e menor contaminación.

A maiores, ofrecen máis vantaxes, sobre todo pola posibilidade de crear plantacións ou crías a medida para o consumidor final, o que reduce aínda máis as perdas, mesmo na fase posterior á colleita. O consumidor –o persoal dos centros neste caso– recibe un produto máis fresco e recollido no punto óptimo de maduración a un custo igual ou mesmo menor do que podía conseguir no mercado.

Outra das vantaxes que aporta este modelo é a de conservar as variedades tradicionais do territorio, porque estas canles curtas poden axudar a dar saída ás producións que traballan de xeito extensivo ou en pastoreo e que apostan polas razas propias de cada zona. Isto ten un impacto moi positivo na conservación do noso patrimonio xenético agrario, pero tamén na propia formación dos usuarios dos comedores, que acceden dun xeito directo a coñecer as distintas variedades e os seus aproveitamentos.

Este proxecto ten, polo tanto, unha ambición de xerar cambios en todos os axentes que implica: produtores, distribuidores e consumidores. Procura acadar un impacto no territorio económico, social, ambiental e educativo, pero sen perder de vista a propia viabilidade económica da iniciativa.


Fonte: El Correo Gallego