O Concello de Monterrei rehabilitou esta edificación na Vila de Monterrei coa idea de convertela nun escaparate dos magníficos produtos agroalimentarios do seu territorio. Nesta tarefa contaron coa mellor das axudas, a de Begoña Vázquez, chef do restaurante Km 0 Regueiro da Cova (Verín) e unha das chef corporativas de Slow Food Compostela.

A este novo establecemento gastronómico ubicado no Castelo de Monterrei (Ourense), súmaselle unha pequena tenda de produtos gourmet ecolóxicos e de proximidade. Sousón aposta claramente pola tradición e polo patrimonio cultural. A súa intención é encher este espazo de actividade, con ceas-maridaxe nas que estean presentes os viticultores responsables dos viños… «É unha cociña de produto, baseada nos alimentos de tempada que colleitan os produtores da zona. Ademais temos unha variedade de sete ou oito viños que van cambiando cada semana e sempre son da D.O. Monterrei porque queremos que todas as nosas adegas teñan cabida nesta taberna», explica Bego.


O local abre todo o ano. No inverno está máis enfocado ás ceas con grupos pechados. Fixeron varias con menús degustación e outras con pratos só de caza. Tamén se organizan cursos de cociña para amantes dos fogóns, catas e actividades polo estilo. O verán é para gozalo máis no día a día. Abren de mércores a domingo desde as 10.30 horas. E os xoves, venres e sábados dan tamén ceas. «O que facemos é ir deseñando os pratos segundo os produtos. Temos unha tosta de marmelada de pemento de Oímbra con xamón de pato; un brioche de touciño entrefebrado de porco celta con verduriñas encurtidas; unha táboa de queixos galegos e embutidos da nosa zona; e tortilla de pataca gratinada con bechamel de queixo afumado», explica. 

«É unha carta moi cortiña que depende do que haxa non día e que está baseada non sabor», afirma Bego, que o que quixo é ofrecer aos veciños unha taberna das de sempre, á que poidan ir tomar un viño e combinar cun pouco de queixo ou xamón.

Sousón ten dúas terrazas, unha xunto aos canóns do castelo e outra na muralla. «É unha forma máis de poñer en valor este monumento do noso patrimonio. O que quería era acompañalo de comida nosa porque vén moita xente de fóra e gústame darlles un pedaciño de todo o bo que temos», conta. «Trato de traballar con todos os nosos produtores e viticultores para que vos coñezan e vos poñan en valor porque aquí temos verdadeiras marabillas», termina. E a verdade é que a súa oferta está a funcionar. Os que van, repiten!!

E, por se a idea é gozar da súa cociña fusionándose completamente coa contorna, Begoña expón a confección de cestas para realizar un picnic especial con produtos da zona. “Dámoslles unha manta e que a xente sente onde queira”, detalla. 


Contacto:

Camiño do Castelo, Verín (Ourense)

☏ +34 621 35 68 23 | ✉ regueirodacova@yahoo.com

Horario: 

Luns e martes PECHADO

Mércores de 11,00 a 16,00 h 

Xoves, venres e sábado de 11,00 a 16,00 h e de 20,00 a 23,30 h

Domingo de 11,00 a 20,00 h

Web: facebook.com/sousontabernaultramarina

 @souson_castelo