Dende este pasado 4 de novembro, o CEIP A Paz de Coruxo (Vigo) é Comedor Escolar Km 0, o primeiro na provincia de Pontevedra e o quinto en Galicia. A súa responsable de cociña, Libia Estévez, nada en Marín no ano 1977, foi a artífice, coa axuda do seu equipo de cociña e da dirección do centro, de acadar dita distinción.


Libia Estévez é a cociñeira deste centro dende o ano 2008. Viña de traballar no sector das vodas e aquí descubriu a súa verdadeira vocación. Xunto coas súas dúas compañeiras, e co respaldo da dirección do centro, ofrece aos nenos e nenas unha alimentación saudable, sustentable e chea de identidade. 

No seu traballo, Libia entende a cociña escolar como un espazo onde se cultivan hábitos saudables e valores que transcenden o prato. Di que lle gusta comparar aos seus cativos e cativas con sementes. Sementes que chegan pequenas ao comedor e que medran durante nove anos, día a día, prato a prato, con coidado, respecto e moito amor. Esta visión da cociña como un proceso educativo e de xiro social é o que define o seu traballo diario.


A súa aposta está clara: produto local, ecolóxico, de tempada e con criterios de xustiza social e ambiental. Cada prato que sae da súa cociña fala da terra, dos produtores e produtoras que traballan con cariño o que chega ao prato, e da necesidade de recuperar o vínculo co alimento dende a infancia.

Grazas á rede de Comedores Escolares KM 0, da que Libia é coordinadora, diferentes centros escolares de Galicia traballan en conxunto para dar saída a algunhas das producións dos seus provedores locais. Este traballo en rede permite garantir estabilidade, volume e continuidade a pequenos proxectos agroalimentarios, fortalecendo a economía de proximidade e facendo que a alimentación escolar sexa tamén un motor de desenvolvemento sostible.

Ademais, no comedor A Paz-Tintureira practícase a participación activa e real do alumnado. Unha vez ao mes celébrase o Consello de Comedor, unha actividade onde se reúne un representante de cada aula co equipo de cociña. Xuntos, a partir do calendario de froitas e verduras de tempada, elaboran o menú do mes seguinte. Esta dinámica promove a corresponsabilidade, o coñecemento dos alimentos e o respecto polos ciclos naturais, facendo que os nenos e nenas sintan o comedor como algo seu, creado en común.


No comedor A Paz-Tintureira, os menús non se improvisan: están pensados para educar no padal, para respectar os ciclos da natureza e para achegar a diversidade da nosa gastronomía a través de ingredientes con DOP, IXP, artesanía alimentaria e produción ecolóxica. E todo isto sen esquecer o máis importante: o pracer de comer, a beleza do sinxelo, o gusto polo ben feito.

Gracias a Slow Food Compostela aprenderon neste comedor que é posible facer das escolas un espazo onde sementar futuro a través do prato. Porque alimentar é tamén educar. E facer cociña KM 0, con alma, é un acto revolucionario.

Imparteu cursos de cociña durante 4 anos en varias asociacions veciñais e despois anoteuse nas listas da Xunta e do Sergas, traballo que lle permitiría compaxinar cos eventos.

Despois de estar en varias residencias da terceira idade, hospitais e algún colexio, no ano 2008 concedéronlle unha vacante no CEIP A Paz-Tintureira, en Coruxo (Vigo), bastante lonxe da súa casa. Con pouco máis de 100 comensais, fai xa 13 anos, a día de hoxe chegan a 170, o que é máis do 90% dos nenos e nenas matriculados no centro.

A confianza das familias fai que cada vez o nivel de esixencia sexa maior, e cada curso teñen a necesidade de superarse para non defraudar.

Gústalles fusionarse cos proxectos educativos do colexio que é posible grazas ó apoio da dirección do centro, e colaborar en festas e celebracións anuais: Samaín, Magosto, Carnaval (invitamos a todas as familias  a unhas xornadas de portas abertas donde poden degustar a súa famosa empanada de lacón con grelos). Celebran o Día Mundial do Pan, o Día Mundial da Alimentación, aniversarios, comen sushi con palillos e tamén algunha lambetada como “morcegos piollosos”.


Non comen pratos precociñados, alimentos procesados e fuxen dos conservantes artificiais, Reducen as frituras a unha vez á semana e incorporan todos os días un prato de verduras.

Gústalle comparar a súa cociña coa dunha avoa: "somos cociñeiros, enfermeiros, mediadores, animadores e confidentes".