Nova distinción para o CEIP Saco e Arce de Toén (Ourense). Este centro participou no proxecto "Comedores Escolares Km 0", unha iniciativa financiada polo GDR 11 Adercou a través do Programa #Leader, que contou para o seu desenvolvemento con Slow Food Compostela e a participación do Instituto Ourensano de Desarrollo Económico (Inorde).

Monserrat Fernández Cousido é a responsable de cociña do C.E.I.P. Saco e Arce de Toén. Naceu en Eibar, Guipúscoa, nunha familia de tradición hostaleira. Estudou en Madrid, Hostalaría e Turismo,  rematando estudos en Santiago de Compostela e obtendo así o título de Técnico Especialista en Hostalaría e Turismo. Traballou na panadería familiar quince anos,  sen deixar de formarse con diversos cursos para non perder o fío. No 2006 anotouse nas listas do Sergas e da Xunta en diferentes categorías: gobernanta, xefa de cociña, oficial de 1ª e 2ª de cociña... e foi así como comezou a súa andadura,  percorrendo  toda Galicia e traballando en todas as categorías. Pero como nos confirma ela,  sen dúbida  quedaría sempre cociñando para nen@s. Para Monserrat, chegar a un colexio e aportar as súas experiencias e bo facer, é o que máis a enriquece e como di: "o comedor é a aula máis grande de todo colexio, xa que nela apréndense cousas que non se aprenden en ningún outro lugar e tamén é un espazo onde se poñen en práctica valores e competencias relacionadas coa vida diaria".

María Teresa Álvarez Gómez xunto co director, é responsable do comedor escolar do CEIP Saco e Arce de 📍Toén. Cando iniciou a súa andadura como responsable do comedor escolar, continuou co bo traballo que xa se estaba a facer, amosando sabedoría ao non cambiar as fortalezas deste. Así, a maioría dos seus provedores son de proximidade, aspecto que mantivo e ampliou con outras propostas. Implementou produto ecolóxico no menú, como leite Ecoleia de Allariz, e os legumes, que son todos ecolóxicos. Tamén rescatou pratos tradicionais galegos como o cocido, potaxes, e produto galego como a berza e o pan de Cea, para pasar a formar parte de menú mensual do colexio. Coordinou varios proxectos sobre nutrición, a fin de animar a todo o claustro e motivar ao alumnado a traballar sobre o tema: menús, produtos, receitas e todo o relacionado coa alimentación saudable e sostible. Afirma que a través desta distinción, "Comedor Escolar Km 0", espera seguir no camiño de aportar o mellor para o comedor escolar e as familias, con produtores de proximidade, ecolóxicos e sustentables. Di que é un traballo arduo, que non che permite baixar a garda, pois sempre hai que estar pendente de que todo estea listo e nas mellores condicións, pero á vez é un traballo que ó final do día te enche de satisfacción.

As dúas forman parte dun proxecto que comezou anos atrás, cando no C.E.I.P Saco e Arce de Toén apostaron xa polo produto de proximidade, pola sustentabilidade e polo apoio aos produtores da zona que ofrecen o seu produto nas mellores condicións, axudando deste xeito ó desenvolvemento do rural e contribuíndo a un modelo de agricultura sustentable. Así mesmo, as familias apoian esta labor, que se leva a cabo dende o comedor escolar. Deste xeito, a alimentación está presente no día a día nas aulas, traballando co menú escolar, traballando a alimentación en relación cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable), formando parte todo o centro de programas que traballan nunha boa alimentación e nuns bos hábitos, como é o Plan Proxecta Aliméntate-ben en todas as súas categorías, implicando ás familias e ó Concello nesta labor que é tan importante xa que ten relación coa saúde que, atendendo aos últimos estudos, non se refire só á saúde física, se non tamén á psíquica, estando relacionada directamente coas emocións. 

Así, os estudos reflicten que hai una íntima conexión da mente cos alimentos, e que esta é de dobre sentido, xa que gozar dunha comida saudable e apetitosa, repercute no noso benestar psicoemocional e á inversa. 

Maite: "Tamén queremos destacar o cariño e dedicación á hora de elaborar os pratos por parte do equipo de cociña e sobre todo da cociñeira: Monserrat. Isto apréciao moi ben o alumnado, profesorado e familias. Dende a cociña, elabóranse á man todos os pratos e a través do menú da nosa escola, quixemos recuperar pratos da cociña tradicional galega, cos que medramos e aprendemos tod@s nós. Deste xeito achegamos ó noso alumnado esas comidas coas que medraron os seus avós e os seus pais. Destacamos o cocido galego, o cal lles encanta, a empanada, a potaxe tanto de fabas ecolóxicas como de garavanzos... Tamén achegamos produto das nosas costas como o mexillón fresco galego e peixes que van dende a sardiña, pescada, rape, bacallau, peixe espada e como non, as sobremesas que se elaboran na cociña con leite Ecoleia de Allariz, como tamén as filloas e a tarta de queixo. Destacar que a media mañá se lle ofrece a todo o alumnado froita variada e leite ecolóxica, o cal o alumnado e familias valoran moi positivamente.

Queremos tamén facer visible a través desta distinción que recibimos de Slow Food Compostela, Inorde e Adercou, todo o traballo que leva detrás a xestión dos comedores por parte dos centros escolares. É unha engrenaxe complexa, de moitas pezas, que teñen que ir ao unísono, que esixe un gran esforzo e un gran traballo por parte de todos os que formamos parte deste servizo fundamental e tan importante dos colexios. Destacar tamén ese labor excelente dos provedores que nos serven puntualmente e poñen toda a súa dedicación, mimando o produto que saben que vai destinado @s nen@s de tres a doce anos.

Nós, pola nosa parte, vámonos todos os días á nosa casa coa satisfacción de facer as cousas da mellor maneira e con moito cariño e dedicación. Esta distinción non é senón o recoñecemento a unha forma de traballar e facer que non vai ser outra que seguir polo mesmo camiño, mellorando día a día e apoiando a iniciativa de Adercou, porque cremos que os produtos do Km 0 deben entrar no día a día dos colexios e das familias. 

Por último, queremos animar a outros comedores, escolares ou non, e ás familias, a que se decidan a consumir o produto Km 0, o produto de proximidade, pois é una aposta que si suma, suma en saúde, suma en calidade, suma en sustentabilidade, suma no apoio aos produtores da zona e axuda ao noso rural".

 Instagram: @ceipsacoearce