A Xunta promove por segundo ano consecutivo a campaña 'Come Local' nos comedores escolares galegos no marco da canle #Mercaproximidade co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. Ata o vindeiro 31 de outubro, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración con Slow Food Compostela, impartirá formación e asesoramento aos responsables de comedor.  


Así, ata o vindeiro 31 de outubro, impartirase formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos a este programa. Neste senso, non só de trata de degustacións de menús especiais feitos con produtos de proximidade galegos senón que tamén se desenvolverán actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

Neste programa, que tivo moi boa acollida na súa primeira edición, participarán unha quincena de comedores escolares das catro provincias galegas. No presente curso, levaránse a cabo numerosas degustacións de produtos provistos de denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou produtos ecolóxicos de Galicia, ademais de impartirse charlas informativas para que os máis cativos coñezan a importancia de consumir produtos locais e como poden identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade.

Ademais, este ano vaise tratar de difundir os produtos en todos os ámbitos da comunidade educativa. Así, os profesores van recibir fichas didácticas sobre os produtos con indicativo que poden incorporar aos programas escolares, os pais e asociacións de ANPAS serán informados da campaña e poderán participar dela mediante sorteos, concursos e xogos e, por último, por suposto vaise traballar cos cociñeiros e responsables de comedor para tratar de incorporar os produtos aos menús de xeito continuo.

Nesta campaña elixíronse centros con proximidade a posibles provedores de produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou ecolóxicos para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores Escolares Km 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. Outro criterio para a elección dos centros foi a de considerar os distintos sistemas de xestión tanto educativa como do comedor e, así, na campaña participan centros escolares públicos, concertados, comedores xestionados por ANPAS ou os servizos de catering.

Outra ferramenta coa que se vai traballar este ano cos centros educativos é na xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos propios menús.

Os centros que participarán nesta continuación serán: Divino Maestro e Colexio La Milagrosa de Compostela; Colexio Alca de Ames, CEIP Santa Baia de Boiro; CPI Dr. López Suárez de Friol; CEIP San Cosme de Barreiros; CEIP Juan Rey de Lourenzá; CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba; CEIP Rosalía de Castro de Bóveda; IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, CEIP Joaquina Gallego Jorreto de A Merca; CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Vega; Colexio Salesianos-A Mercé de Cambados; CEIP Santa Eulalia de Dumbría; CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa e CEIP A Paz de Coruxo (Vigo).


Ademais, tamén formarán parte da mesma os 4 Comedores Escolares Km 🅾️ que xa participaron na primeira campaña: CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral) e CEIP López Ferreiro (Compostela).