Á nova Dirección do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia (Ourense) sempre lles preocupou a alimentación do comedor escolar. Tiñan claro que é un eixe moi importante no día a día do seu centro.

O primeiro cambio que definiu o seu comedor foi o troco de aceites de baixa calidade polo Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE), base da tan aplaudida comida mediterránea adaptado aos produtos da nosa Comunidade e da súa contorna. Puxéronse en contacto co Grupo de Investigación de Química Analítica de Compostos de Interese Alimentario, Medio Ambiental e Biolóxico (GI-2113) do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía baixo a supervisión da profesora Antonia Carro da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela que determinaba as substancias prexudiciais dos aceites ao aplicarlles altas temperaturas e o único que non producía eses contaminantes era o AOVE xa que o procesamento facíase a través de medios mecánicos naturais sen aplicarlles calor. Tal estudo foi decisivo para usar exclusivamente este aceite na alimentación de nenas e nenos.

O paso seguinte foi a elaboración dos menús mensuais saudables, sobre todo eliminando frituras innecesarias, así como contar con diferentes produtores de alimentos dentro dos que lles recomendamos dende Slow Food Compostela para deste xeito obter a placa do Km 0 que os distingue como comedor de alta calidade nos seus menús. 

Produtores como “Daiquí”, “Xanceda”, así como carnes e pescados coas mellores certificacións como “Carnicería Airabella” e “Pescados Loureda”, entre outros. Cabe dicir que o seu pan tamén é fresco de cada día grazas á panadería “O Artesán”. 

Destacar a labor do seu persoal de cociña composto polo cociñeiro Jose Lorenzo, e das tres axudantes de cociña, Cristalina, Fina e Sole, así coma o da encargada de comedor escolar, a profe Socorro, máis o responsable e director do centro, José Carlos. 




A alimentación é un dos principais factores que incide no noso benestar. O dito “somos o que comemos” adquire sentido cando fomentamos unha alimentación saudable. Queda moito por facer no seu comedor pero seguen traballando arreo nos seus menús, na formación en boas prácticas alimentarias e na busca de propostas didácticas para o seu alumnado porque cren no que fan e están convencidos de que este é o camiño a seguir 💪💪💪