Nova distinción para o CPI Antonio Faílde de Coles (Ourense). Este centro participou no proxecto "Comedores Escolares Km 0", unha iniciativa financiada polo GDR 11 Adercou a través do Programa #Leader, que contou para o seu desenvolvemento con Slow Food Compostela e a participación do Instituto Ourensano de Desarrollo Económico (Inorde).

Iria López González (directora do centro), Gonzalo López Pérez (responsable de cociña) e Graciela Caride (responsable de comedor)

Gonzalo López Pérez, o seu responsable de cociña, é técnico Especialista en Hostalería e Turismo, estudos realizados no IES Vilamarín.

Leva 22 anos de experiencia no sector como cociñeiro. Fixo as prácticas no xa desaparecido restaurante “Adega do Emilio” a onde volveu dous anos despois para ficar nos seus fogóns durante case cinco anos. En total pasou sete anos como cociñeiro para distintos locais de restauración.

No ano 2005 decide abandonar o sector privado e anotarse nas listas de contratación temporal da Xunta de Galicia, onde cubre o posto de cociñeiro en diferentes centros públicos como residencias da terceira idade, escolas infantís, residencias universitarias, centros de menores…así ata 2009 que toma posesión da praza provisional no CEIP Virxe da Saleta en Cea, derivada da OPE de 2005, cociña da que garda un grato recordo.

En 2013 toma posesión da praza definitiva como cociñeiro no CPI Antonio Faílde de Coles.

Xunto coas súas catro compañeiras de cociña, elaboran, de principio a fin (salvo pratos especiais): 1º prato, 2º prato e postre para 379 comensais diarios (o colexio máis grande da provincia de Ourense en xestión directa).

Día a día, intentan fomentar a comida san e saudable. Tódolos días a media mañá, durante o recreo, os cativ@s contan cunha peza de froita. Os menús diarios intentan facelos o máis equilibrados e saudables posible, sempre tendo en conta o “handicap” en que se converte ter que cociñar para un número tan elevado de comensais onde tamén existe un gran número de dietas personalizadas (alerxias, intolerancias…).

Durante o servizo de comedor, contan con quince colaborador@s que se ocupan de axudar ás crianzas. A directora do centro, a encargada de comedor e a profe Mari, asisten tódolos días a prestar este servizo desinteresadamente.

Todo este esforzo diario, para que os nen@s teñan un servizo de calidade, vese recompensado nos xestos e palabras de agradecemento dos cativ@s cando entran no comedor.

Dende sempre neste centro se intenta potenciar o comercio local dentro do posible empregando produtos o máis naturais posible.

Graciela Caride é a responsable de comedor: "A verdade é que eu entrei en todo este tinglado porque...ante a ausencia de candidatos... me sinalaron, a parte de pedirmo moi insistentemente. Así que... aquí estou! Este é o meu terceiro curso e espero pasarlle a bata e a carpeta a outro porque eu teño que recoñecer que me sinto cansa. Pero... non me vou poñer dramática e vou tentar transmitir o que me leva aportado, pois dende un principio, tomeino como un reto do que aprender cousiñas.

Polo comedor pasa todo o alumnado do centro e de entrada... faste máis visible para todos eles. Eu son mestra de Pedagoxía Terapéutica e, dalgún xeito, sempre pasei máis desapercibida. Así que, estar todos os días ahí, faite máis consciente de cousiñas tales como: 

- A necesidade de valorar ao equipo de cociña, que cada día fai un encaixe de bolillos para que 379 comensais teñan a comida lista á súa hora, (e eu que me estreso se cociño para máis de dous!) 

- O importante que é andar entre o alumnado e escoitalo. Teñen as súas queixas, aportacións e deben ser atendidas.

- Resolver problemas de entendemento entre iguais... Vivimos en sociedade, pero tendemos á individualización e á falta de empatía.

Tiago Baltasar Rasco García, Inés Serra Chouza e Gael Alén Santiago, gañadores do concurso de debuxos do Día Mundial da Alimentación

E bueno... moitas pequenas cousiñas.

En resumo, digamos que eu son un ente que pulula de aquí para alá apoiando nos momentos da comida (recollendo, limpando mesas, montando para o seguinte turno...), facendo os pedidos semanais perfectamente organizados e estudiados por Gonzalo, pasando lista ao alumnado que paga o servizo, arquivando e revisando facturas para pasar à secretaría do centro, entregando sobres ao alumnado cada remate de mes co importe que deben abonar, pasando os menús elaborados polo cociñeiro, lidiando cos colaboradores do comedor... e o que cumpra e cando cumpra... Sen máis!

Tento aprender e sacar sempre a parte positiva de todo isto e doume conta de que é unha labor moi criticada dende fóra e moi pouco valorada. Será que hai que verse no caso!.

Relacionado co mundo dos provedores...

Teño que dicir que me encanta cando chamo á carnicería e me atende unha señora que colle o teléfono con poucas ganas, pero cando lle digo quen son leva unha alegría de ata imaxinarme o seu sorriso, ou a nai do que fai e trae os chourizos á que sempre lle digo: dígalle ao Delmiro que os traia cedo! E ela ri e di... si!, nunha destas o Gonzalo mátao! Ou o señor das patacas... que sempre contesta alegre e inclusive me canta por teléfono aínda cando o chamo para dicirlle que me mandou mal a factura porque me cobrou de menos!😊 Ou cando foi o confinamento que falei con cada un deles e escoitei as súas circunstancias... ou cando me desexan bo finde, vacacións....etc! Ou.... un interminable ou... cheo de cousiñas que suceden cada día.

Vouche contar algo máis...

O curso pasado, apuntouse un papá para colaborar no servizo de comedor. Non tiña traballo e precisaba facer algo. Resultou que era churrero (coñecido en Ourense) e a Gonzalo ocorréuselle a idea de contratalo para facer o postre para os rapaces antes das vacacións de Nadal. Trouxo a churrería e todos tomaron un vasiño de chocolate cuns churros.

Foi un éxito total! Tivemos choio extra para todos, pero ver a todo o comedor aplaudirlle e darlle as grazas... emocionou a máis de un!.

Creo que tamén se debe destacar a labor da directora do centro, pois SEMPRE está para TODO... Sexa o que sexa, ela é quen de atopar a solución imposible e tan ben sirve como limpa, coloca mesas ou o que lle boten por diante. Eu creo que se a deixan... ata se bota aos fogóns aínda que no fondo lle pase coma min e non nos guste cociñar... (non queres caldo... toma cociña!). É un traballo de moitos no que cada un aporta o seu!

Gustaríame destacar tamén a labor da profe Mari, que tan ben plancha un ovo como frite unha garavata, sempre atenta a todo e levando a voz cantante dende o sector de infantil, apoiando en todo momento para que o servizo saia adiante. E por último, e non por iso menos importante, a profe Elena, xefa de estudos de primaria e o comodín do público en toda esta andaina. Aínda ben non me entero eu de que falta alguén... que xa está ela poñendo a bata e ocupando o seu posto para que todo funcione con normalidade.

Dende hai tres cursos, os postos de colaboración no comedor estàn cubertos por pais. Levan pasado xa moitos e aínda que ao principio o pasan mal, pois os rapaces sempre te levan ao límite, creo que todos eles gozaron e gozan do traballo realizado. Estoulles moi agradecida por manterse e non abandonar o barco, inclusive cando as cousas se torcen e por aturarme con tantísimos cambios de plans e imprevistos que suceden día a día!

Somos un gran equipo, con Gonzalo á cabeza, no que cada un aportamos o noso gran de area para sacar adiante este comedor escolar."