O Secadeiro é Banzas, é Outes, é natureza, é aldea, é rural, é horta, pero sobre todo é Eva e Fernando. O Secadeiro é un proxecto de vida no que queren volver á vida no rural, a esa vida máis pausada e sen tanto estrés. É un proxecto que aposta por poñer en valor o noso territorio, o rural, a horta. Nesta, conviven cultivos moi tradicionais e, nalgúns casos, autóctonos da súa contorna, con variedades non tan habituais, que lles dan esa diferenciación.

A cociña de O Secadeiro é unha cociña moi vexetal, na que o producto da horta xoga un papel moi importante. "Aínda que a base da nosa cociña é o produto vexetal, non somos un restaurante vexetariano. Carnes, peixes e mariscos complementan (en maior ou menor medida segundo a tempada) os vexetais que cultivamos na nosa horta e os dos pequenos produtores cos que traballamos".

Ao longo do menú fan un percorrido por parte da súa horta. O comensal vai probar pratos nos que o vexetal vai a ser o produto principal  e outros nos que o vexetal vai a xogar un papel un pouco máis secundario, pero sen deixar de ter a súa importancia. Este menú estará moi marcado pola estacionalidade. "No menú traballamos, sempre, con produto de tempada, a cal xa nos vai marcando a nosa horta."


O Secadeiro fai unha aposta moi importante pola sustentabilidade, a economía circular e o aproveitamento total dos recursos dos que dispoñen na súa contorna.

Eva, á fronte da sala, coida unha adega non demasiado extensa, aínda que en continuo crecemento, na que os viños galegos de pequenos produtores mandan, en liña co concepto do restaurante. A terraza exterior, ubicada nunha antiga eira de pedra, e un futuro reservado na planta superior acabarán de redondear o proxecto.



Contacto:

Lugar de Banzas 18, Outes (A Coruña)

☏ 881 30 81 34| ✉ reservas@osecadeiro.es

Web: www.facebook.com/osecadeiro

 @osecadeirorestaurante