A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a promover por terceiro ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares, co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos.
Este programa tivo moi boa acollida nas súas dúas anteriores edicións, e nesta ocasión participarán 14 comedores escolares das catro provincias galegas. Son: CEIP Labarta Pose (📍Zas), CPI Plurilingüe Cabo da Area (📍Laxe), CEIP de Palas de Rei (📍Palas de Rei), CEIP Plurilingüe de Luíntra (📍Nogueira de Ramuín), Nuestra Sra. de los Remedios (📍Compostela), CEIP Filomena Dato (📍Barbadás), CEIP Rogelio García Yáñez (📍Ramirás), CEIP Roberto Blanco Torres (📍A Peroxa), EI Marisma de Santa Mariña (📍Redondela), CEIP de Soutelo de Montes (📍Soutelo de Montes), CPI Alcalde Xosé Pichel (📍Coristanco) e CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (📍Sober), CEIP Virxe da Barca (📍Muxía), CEE Nosa Señora do Rosario (📍A Coruña) e o CEIP Ruxidoiro de 📍Barbadás.
No presente curso, levaranse a cabo numerosas degustacións de produtos provistos de denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou produtos ecolóxicos, ademais de impartirse charlas formativas para que os máis cativos coñezan a importancia de consumir produtos locais e como poden identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade.
Ademais tamén formarán parte da mesma, os 9 Comedores Escolares Km 0, ao igual que nas anteriores edicións: CEIP Xacinto Amigo Lera (📍Portomouro), CEIP Os Muíños (📍Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (📍Carral), CEIP López Ferreiro (📍Compostela), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (📍A Merca), CEIP Saco e Arce (📍Toén), CPI Antonio Faílde (📍Coles), CEIP A Paz-Tintureira (📍Coruxo-Vigo) e CEIP A Lomba (📍Vilagarcía de Arousa). Algúns destes últimos foron distinguidos a raíz do seu traballo na anterior campaña celebrada no curso pasado.
Nesta campaña elixíronse centros cunha determinada sensibilidade para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores Km 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. Outro criterio para a elección dos centros foi a de considerar os distintos sistemas de xestión tanto educativa como do comedor e así na campaña participan centros escolares públicos, concertados, comedores xestionados por ANPAS ou os servizos de catering.
Estamos falando dun alcance de 3.700 usuarios e usuarias de comedor no total dos 23 centros escolares.
Outra ferramenta coa que se vai traballar cos centros educativos é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos menús.
Como novidade, nesta III Edición, os catro centros de formación agroforestal, entre os que está Sergude, comezarán o proceso para lucir o certificado de Km 0 // Máis dun 65 % dos alimentos que entren nas súas cociñas serán de produtores da contorna.
0 Comentarios
slowcompostela@gmail.com