No corazón de Nigrán, en pleno Val Miñor, érguese o Pazo de Cea, unha xoia arquitectónica do século XVII que hoxe renace como espazo de celebración e gastronomía con conciencia. Restaurado con coidado e respecto pola súa historia, este pazo galego non só conserva a súa estrutura orixinal de pedra, os seus xardíns e os seus hórreos centenarios, senón que se converteu tamén nun referente de cociña de proximidade e respecto polo produto.

O equipo que o xestiona, soubo integrar a tradición cunha visión contemporánea e sostible. A proposta gastronómica foi deseñada por Beni, do restaurante
O Patouro en Bouzas, recoñecido pola súa aposta polo sabor auténtico e a tradición actualizada. Ao fronte da cociña está
Libia Estévez, xefa de cociña do
Pazo de Cea e tamén coordinadora dos
Comedores Escolares KM 0 de Slow Food Compostela en Galicia, un proxecto que promove unha alimentación saudable, ecolóxica e centrada nos produtos locais nas escolas. Acompañando este labor, Rita Lema exerce como xefa de produción, garantindo que cada evento e cada servizo flúa coa precisión, a calidade e o coidado que o proxecto merece. E non menos importante, Mariqui, como xerente do
Pazo de Cea, tamén xoga un papel fundamental na xestión e no éxito deste proxecto que combina gastronomía, cultura e tradición.

Este equipo comprometido acaba de recibir un novo recoñecemento: o Pazo de Cea vén de ser certificado co selo KM 0, grazas á incorporación na súa carta de vodas de produtos con Denominación de Orixe Protexida (DOP), Indicación Xeográfica Protexida (IXP), produtos ecolóxicos e de Artesanía Alimentaria de Galicia. Un paso firme que reforza a súa aposta pola calidade, a identidade territorial e o apoio ao sector primario local.
A súa cociña baséase en ingredientes de proximidade, de tempada e, na súa maioría, procedentes de pequenos produtores da contorna, seguindo os principios da filosofía Slow Food: bo, limpo e xusto para todos. Cada prato que sae da súa cociña é unha declaración de amor a Galicia, á súa despensa e á súa cultura.
Os menús que se ofrecen no
Pazo de Cea durante os seus eventos (bautizos, vodas, encontros culturais ou xornadas de empresa) son deseñados con coidado, adaptándose á estación e aos produtos que ofrece a terra en cada momento. Non hai carta fixa, é a natureza quen marca o ritmo. O pan é de masa nai, os queixos veñen de queixerías artesás da zona, os viños priorizan as variedades autóctonas e moitos dos vexetais chegan directamente das hortas do Val Miñor.
Ademais da súa proposta culinaria, o espazo tamén acolle actividades culturais e sociais vencelladas ao territorio, dando visibilidade a artesáns, músicos e produtores locais. O Pazo de Cea non é só un lugar onde comer ben, senón un proxecto vivo que aposta polo desenvolvemento sostible da comarca.
Visitar o
Pazo de Cea é mergullarse nunha Galicia fonda, elegante e acolledora. É celebrar o pasado e ollar ao futuro desde a terra. Unha experiencia que desde Slow Food Compostela non podemos máis que aplaudir e recomendar.
Contacto:
Camiño de Cea 1 – 36350 Nigrán – Pontevedra
☏ 986 91 79 52 - 639 83 56 43 | ✉ pazodecea@pazodecea.com
Web: pazodecea.com
@pazodecea_
0 Comentarios
slowcompostela@gmail.com