A Escola Infantil Vite é un centro público pertencente á Consellería de Política Social e Xuventude e dependente da Axencia Galega de Servizos Sociais. Trátase dun centro educativo que desenvolve o seu labor dende o ano 1986 no primeiro ciclo de educación infantil, atendendo a nenas e nenos de 0 a 3 anos.

Leonor Lorenzo, presidenta de Slow Food Compostela; Lucía, da horta ecolóxica "A Veiga do Espiño"; Gloria, directora do centro; Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; e Bruno Millán, xefe de cociña.

O centro está situado na zona norte de Santiago de Compostela, moi próximo ao campus universitario e ao edificio da Xunta de Galicia.


Visión. Esta escola quere ser un centro con identidade propia. Queren que o galego sexa unha realidade e o punto de partida para toda as actividades que se desenvolvan.

Intelixencia emocional. O seu obxectivo xeral é procurar os medios, experiencias e condicións que garantan un adecuado proceso de desenvolvemento integral das nenas e nenos, é dicir, o desenvolvemento de todas as súas potencialidades, habilidades e destrezas físicas, intelectuais, sociais, afectivas, estéticas, de comunicación, expresión e linguaxe..., co fin último de que vaian construíndo a súa autonomía, personalidade e identidade, os seus valores e a súa imaxe do mundo, así como o establecemento de afectos e relacións con el mesmo e cos obxectos e persoas que o conforman.

Metodoloxía do xogo. Xogar é a súa forma favorita de "aprender". O xogo implica diversión e emoción, sentimentos que fan que se aprenda mellor e máis rápido. O xogo favorece o desenvolvemento de habilidades cognitivas e axúdalles a “traballar" a empatía e a cooperación.

Comedor: “Ensinar a comer”.
A escola conta con cociña propia e nela elabóranse menús sinxelos pero cunha alimentación equilibrada baixo a supervisión dun nutricionista.

Guiso de tenreira da IXP Ternera Gallega con patacas e verduras ecolóxicas

O responsable da cociña, Bruno Millán, formouse en dietética e nutrición, e isto permitiulles ir un pouco máis ala e querer ser un pouco máis ambiciosos introducindo nos menús produtos ecolóxicos e con certificado de calidade galego que fosen de proximidade e Km 0. Con isto, o que pretenden é garantir o acceso a unha alimentación de calidade, saudable e sostible.


Bruno Millán González, nado en Río de Xaneiro (Brasil) de pai e nai da provincia de Pontevedra, xa aos 12 anos de idade sentía unha paixón pola cociña axudando nas tarefas da casa. Aos 17 anos marchou para Santiago de Compostela para facer F.P. de técnico especialista en cociña no ano 1981. Ao rematar os estudos en hostalería no ano 1986, traballou no ámbito privado (en restaurantes e en  pazos). Despois dunha paréntese, no  ano 2004/2005 volveu á súa casa de estudos (hostalería) cursando un ciclo medio de pastelería e panadería. No ano 2007 aprobou unhas oposicións de oficial de 1º e 2º de cociña convocadas pola Xunta de Galicia. O seu primeiro destino foi unha residencia de maiores ubicada na Estrada (Pontevedra) e, anos máis tarde, trasladaríano ao seu actual destino na Escola Infantil de Vite. Totalmente consolidado na súa profesión, no ano 2022 remata o ciclo formativo de grao superior de dietética no IES Chapela.


Neste proxecto e tarefa longa, contaron coa axuda de Leonor, presidenta de Slow Food Compostela, que proporcionou o acceso a provedores de produtos frescos de proximidade e de produción ecolóxica como Entrelampo, horta ecolóxica de Marrozos e A Veiga do Espiño, en Cacheiras, así como Pescados Loureda, empresa especializada en prover de peixe fresco a comedores de colectividades. Os tres pertencentes á rede Slow Food en Galicia.


Esta escola infantil participa na IV edición da campaña "Come Local" que traballa actualmente con 50 comedores escolares de toda Galicia e que está impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).