Os "Restaurantes Km 0" transmiten a filosofía Slow Food, porque os seus cociñeiros e cociñeiras comprenden que non se pode separar o pracer gastronómico da responsabilidade cos produtores, sen os cales non existiría a cociña de éxito.

Os cociñeiros e cociñeiras Km 0 xogan un papel fundamental ao ser os intérpretes dun territorio que poñen en valor a través da súa creatividade. A colaboración entre cociñeiros/cociñeiras e produtores, propicia a loita contra o abandono da cultura tradicional e a estandarización da comida.


Un Restaurante Km 0 certificado por Slow Food promove:

  • Redución das emisións de CO2 á atmosfera producidas polo transporte de alimentos.
  • Divulga as calidades e o valor dos alimentos incluídos nas categorías Arca do Gusto, Baluarte e Tutelado.
  • Favorece o consumo de produtos locais, comarcais e estacionais.
  • Apoia aos agricultores familiares da súa contorna.
  • Un prato Km 0 inclúe un 40% dos seus ingredientes de orixe local, polo que o restaurante compra directamente ao produtor a menos de 100 quilómetros de distancia.
  • O 60% restante dos ingredientes que compoñen un prato Km 0 deben pertencer á Arca do Gusto, Baluarte, Tutelado ou ter certificación ecolóxica, DOP ou IXP.
  • Favorecerase a produción extensiva fronte a intensiva e o emprego de variedades tradicionais.
  • Os Restaurantes Km 0 son un seguro de calidade alimentaria e unha suculenta experiencia gastronómica.


QUERES SER UN RESTAURANTE KM 0?

Como ser parte do programa Km 0?
  1. Ler atentamente o toda a información onde se explican os requisitos necesarios para formar parte do Km 0.
  2. O distintivo outórgase ao chef do restaurante.
  3. Contactar con Slow Food Compostela ou coa Comunidade de "Cociñeiras e Cociñeiros Sostibles de Galicia", e darse de alta como socios ao cociñeiro/cociñeira e ao xefe de sala, ou outra persoa do equipo.
  4. Participar nas actividades do convivium/comunidade.
  5. O convivium/comunidade facilitará unha ficha de datos que o restaurante deberá encher e devolver debidamente cumprimentada.

* Os convivium de Slow Food son os grupos da nosa asociación que traballan de forma local ou comarcal.


CRITERIOS PARA QUE UN PRATO SEXA CONSIDERADO KM 0

  • Un 40% dos ingredientes deben ser de procedencia local, incluíndo o ingrediente principal. Isto implica que o restaurante os compre directamente ao produtor e este producíraos a menos de 100 quilómetros.
  • O 60% dos ingredientes restantes deberán pertencer á Arca do Gusto, Baluarte, Tutelado Slow Food  ou ter certificación ecolóxica.
  • Primarase as variedades tradicionais da zona e a produción en extensivo.
  • Conscientes das limitacións dos produtores artesanais e a pequena escala para atender pedidos, cantidades e compromisos loxísticos, apelamos á sensibilización de todos para organizar da mellor maneira posible o traballo de cada das partes: produtores e restaurantes.

  
NORMAS PARA UN RESTAURANTE KM 0

  • Para que un restaurante poida estar na guía deberá ter, como mínimo, cinco pratos Km 0 durante todo o ano. Estes pratos poden estar distribuídos na carta, nun menú, en recomendacións, suxestións, etc.
  • Durante todo o ano o restaurante deberá comprar, como mínimo, tres produtos da Arca do Gusto de Slow Food, de forma constante e acreditará o seu uso cotián mediante a presentación de facturas.
  • Deberá comprar, como mínimo, a cinco produtores de tipoloxía diferente, que estean establecidos a menos de 100 km do restaurante. Como mínimo, un destes deberá producir verduras.
  • O restaurante entregará a Slow Food Compostela / Comunidade de "Cociñeiras e Cociñeiros Sostibles de Galicia", a ficha de datos, no prazo requirido..
  • O restaurante que presente a súa candidatura por primeira vez deberá acreditar o cumprimento dos requisitos deste documento, como mínimo tres meses antes da entrega da ficha de datos.


OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE (ODS)

Os Restaurantes Km 0 contribúen coas súas boas praxes a acadar os seguintes OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE (ODS):

Axudan a acabar coa fame (ODS 2) xa que…

2.3 Apoian aos agricultores familiares
2.5 Apoian a diversidade xenética agrícola.

Loitan por un traballo decente e un crecemento económico (ODS 8):

8.4 Promoven o consumo eficiente de recursos e desvinculan o crecemento económico da degradación do medio ambiente.

Axudan a construír comunidades sostibles (ODS 11), xa que... apoian os vínculos económicos, sociais e ambientais positivos entre zonas urbanas, periurbanas e rurais.

Favorecen a produción e consumo responsables (ODS 12):

12.2 Pola xestión sostible do uso eficiente dos recursos naturais.
12.3 Por axudar a reducir o desperdicio alimentario dende a colleita ata o consumo final
12.4 Por axudar a mitigar o emprego de produtos de síntese química e a súa posterior liberación no medio ambiente.


A distinción do Km 0 en Galicia será otorgada por Slow Food Compostela e pola Comunidade de "Cociñeiras e Cociñeiros Sostibles de Galicia", tendo rexistrada esta distinción (Marca Nº 4.007.900) para o seu emprego dentro do sector da restauración.  Sendo unha distinción que prima a calidade das materias primas e o consumo do produto local, os establecementos distinguidos por este selo contan cun punto a favor cara a obtención da certificación de Galicia Calidade xa que dende ámbolos dous selos, búscase garantir a trazabilidade dos alimentos empregados pola restauración. 
  


👉 Contacto Slow Food Compostelaslowcompostela@gmail.com
👉 Contacto "Cociñeiras e Cociñeiros Sostibles de Galicia": km0galiciaslowfood@gmail.com