Nun mundo no que a gastronomía tende á repetición, este proxecto nace cun propósito claro: deixar que a cociña evolucione ao ritmo da natureza. Cada 22 días, o menú renóvase por completo para adaptarse á temporalidade dos produtos e á paisaxe que os rodea. A filosofía é sinxela pero profunda: ser conscientes do cambio constante da terra, valorar o produto fresco e reivindicar a estacionalidade como un acto ecolóxico e creativo.
Este proxecto, creado por Marcos S. Area, busca dar valor aos produtos esquecidos e ás técnicas tradicionais, fuxindo de etiquetas como “cociña clásica” ou “moderna”. O obxectivo é ofrecer unha experiencia gastronómica viva, que reflicta a súa traxectoria internacional pero tamén unha visión íntima e local da gastronomía. Trátase, en definitiva, de cociñar con conciencia, respectando o territorio e o momento.
A entrada ao restaurante faise a través da cociña, un xesto de transparencia e honestidade. O espazo culinario é aberto, sen barreiras, como unha barra xaponesa onde o cliente pode ver o proceso e sentir o respecto polo produto. Cada prato sérvese en sala acompañado dunha explicación: de onde vén o produto, como se elabora e por que se serve nese momento do ano. Porque aquí, cada receita é unha conversa co territorio, co mar, coa terra e co tempo.
O proxecto tamén nace desde algo profundamente persoal: un homenaxe aos avós de Marcos. O restaurante ergueuse na casa onde naceu o seu avó, nun pequeno calexón de Marín. A escolla do lugar non é casualidade, senón unha declaración de intencións: manter vivos os valores, a tradición e o vínculo coa orixe.
A inspiración vén tamén da filosofía naturalista que se respira en parte de Centroeuropa: observar o que hai arredor, darlle valor e demostrar que a gastronomía é unha parte esencial da cultura e da sociedade. A comida non é só sustento, é identidade. Por iso, Marcos tamén quere fomentar a educación gastronómica e o coñecemento do produto, algo que defende desde a súa experiencia como profesor de cociña antes de abrir o local.
Con máis dunha década de formación e traballo en cociñas de dentro e fóra de Galicia, Marcos aposta polo rural e polos pequenos concellos, porque a chamada “España baleirada” tamén existe aquí, nas vilas costeiras galegas. Se non apostamos por proxectos culturais e de dinamización local, o territorio perde vida.
Este lugar é, ao final, un espazo de memoria e de futuro: un diálogo entre a tradición e a creación contemporánea, entre o mar e a terra, entre o que fomos e o que podemos chegar a ser.
Contacto:
☏ 610 63 90 47 | ✉ info@erestaurantesl.com







0 Comentarios
slowcompostela@gmail.com