A historia do pemento de Piñeira discorre paralela á de varias xeracións de veciñas e veciños desta parroquia e dos seus arredores, que protexeron e transmitiron os segredos da sementeira, o cultivo e a recollida deste produto con características propias que o diferencian doutras variedades autóctonas. 

Hai unha historia nas xentes do lugar que fala sobre que a finais do XIX ou comezos do XX, existía nas inmediacións da Illa Pancha un destacamento de carabineiros, algún deles orixinarios de terras murcianas. Estes trouxeron a terras de Villaselán sementes de pementos, cebolas, berenxenas, e outros cultivos típicos da súa terra de orixe.

Os veciños de Villaselán, entre outros os de Chousa, Cambelo ou Peruxos, deixáronlle parte das súas terras aos carabineiros para que plantasen as súas sementes. En aquela época, pódese dicir que Villaselán era un barrio de Piñeira. Así que en resumo, esta historia explicaría a orixe da chegada deste pemento a estas terras do concello de Ribadeo. Estes labregos e labregas sempre foron extremadamente coidadosos cos traballos que rodean a este produto, cultivándoo como se dun verdadeiro ritual se tratara e transmitindo os seus segredos de xeración en xeración.

Carteis da festa do Pemento de Piñeira deste ano 2023 en Ribadeo (Lugo)

Características:

É un pemento de carne media-grosa de sección case cadrada. A variedade Piñeira adoita consumirse nas súas tres cores posibles (verde, vermello e laranxa), e está moi adaptada para ou cultivo ao aire libre en zonas costeiras. As "Señoras de Piñeira" non queren recoller o pemento ata que lle sae unha veta laranxa. Gústalles que veteen para que o pemento se chegue a poñer ben vermello.

Ten unha pel moi fina e o seu cheiro e sabor recordan ao do pemento de Mougán, aínda que o froito é moi diferente, dado que no caso da variedade Piñeira, é de catro puntas, moito máis grande.

Fonte: CIAM Mabegondo

Trátase dunha variedade completamente autóctona, que no seu día chegou a ter incluso un peso importante na economía dos labregos e labregas da zona, que o cultivaban xunto con outros produtos da horta como a cebola de Vilaselán (tamén variedade propia), a coliflor, as patacas ou os nabos.

O seu cultivo segue os pasos do santoral, que vai marcando cada unha das súas etapas. Seméntase en San Xosé e plántase en San Antonio, sendo o momento óptimo de recolleita o tempo comprendido entre a patroa (8 de setembro en Ribadeo) e as San Lucas (feira de Mondoñedo).


Curiosidades:

  • A semente do pemento obtense a partir dos mellores exemplares da colleita anterior, gardándose coidadosamente en papel ou caixa de cartón ou madeira (nunca en plástico) ata o ano seguinte.
  • Para evitar que esta hortaliza trasnelle debe labrarse separada de calquera outra variedade de pemento, sempre ao aire libre, pois é moi caprichoso e non admite o seu cultivo en invernadoiro.
  • Se as choivas sorprenden despois da patroa, o pemento perde o seu sabor e podrece.
  • Hai anos, os pementos que se labraban en San Antonio, polo seu tamaño, eran os escollidos para florear (adornar) as cestas de costelas nas que se levaban ao mercado.
  • Cando adquiren a súa característica cor vermella, están no punto óptimo para ser consumidos.

Uso gastronómico:

Admiten unha gran variedade de maneiras de preparación. Son ideais para o seu consumo en frito sós ou con patacas e cebolas; aínda que tamén están saborosos asados, en conserva ou marmelada. Nesta imaxe temos unhas obleas crujientes de pemento de Piñeira con pingas dos tres momentos do pemento (verde, vermello e laranxa) elaborado por Mar Orosa do Restaurante Km 0 El Oviedo.


Nesta segunda imaxe, temos outro prato de Mar Orosa: "Calamar da Ría, pemento de Piñeira en escabeche, crema de boniato, alioli de allo negro e salsa xenebrina".


Soamente quedan dous produtores ubicados no Concello de Ribadeo que se dedican ao cultivo desta variedade. Podemos dicir con seguridade que está en perigo de extinción.


Links: 

Ficha "Arca del Gusto" Fundación Slow Food

Produtores:

José Manuel Fernández “Horta Piñeira” (666 362 367)

Secundino e Chelo de Villaselán (619 19 70 12)