Sandra Varela Amado, natural de Balares, Ponteceso, 1975 conta coa titulación de “Técnico Especialista en Hostalería e Turismo”, estudos realizados no Ies Lamas de Abade de Santiago de Compostela.


Despois de 15 anos de experiencia no sector privado, en restaurantes e distintas empresas de cátering de Galicia e as Illas Canarias, decide regresar á casa, ao rural. Como mellor opción, decide apuntarse nas listas de comedores escolares da Xunta e comeza a traballar en distintos colexios da provincia, ata que se establece no CEIP Os Muíños en Muxía, no que leva xa 13 anos. Tamén emprende unha actividade turística, cunha casa de turismo rural en praia de Balares: A Casa de  Lelo.


Xunto con estas dúas actividades, na actualidade, imparte cursos e talleres para distintas asociacións e concellos, para nenos e adultos sobre alimentación saudable. Nos primeiros anos do seu traballo nos comedores, observa as grandes deficiencias que hai na alimentación dos nosos cativos: exceso de proteínas, de fritos, de conxelados e escaseza de verduras, sobre todo frescas, e proponse cambiar este sistema. 

Infórmase e atopa na Coruña compañeiros coas mesmas inquietudes, que están nunha plataforma por comedores públicos de calidade e proximidade, e acude ás súas reunións durante tres anos, despois dos cales decide poñelo en marcha no seu colexio e traelo á Costa da  Morte para que se xeneralice en tódolos centros. Así, da man da plataforma cuxa presidenta é Beatriz Ferreira, do GDR Costa da Morte, e como asesores para o cambio “Menjadors  Ecologics” con Nani Moré, consigueu traelo e en breves, comezarán as xornadas.

Aínda así, a título persoal, comeza o cambio no seu colexio, e en tres anos consigueu, co apoio (moi necesario) de toda a comunidade educativa, eliminar todos os azucres ocultos, botes, conservas, conxelados, elaborar fichas técnicas de cada prato (imprescindibles para un control nutricional dos comensais) e aumentar o consumo de verdura de 20 gr a 100 gr eliminando a proteína do primeiro prato. Tamén comezou a consumir produto local de  Km 0, e nun futuro, espera que sexa co selo ecolóxico.

"En canto ao selo, a todos nos gusta o recoñecemento do noso traballo, sobre todo neste caso no que ninguén nos esixe o esforzo e no que o único incentivo a maiores, é a conciencia e a tranquilidade de saber que a alimentación e nutrición dos nosos cativos está garantida, de que achegamos á economía local unha solución ao despoboamento rural e axudamos a coidar o medio ambiente. Así que o selo, neste caso, a min persoalmente axúdame a visibilizar este proxecto para que así outros colexios da Costa da Morte vexan que é posible e se animen a participar e dar o paso ao cambio".


 Instagram: @sandrabalares