A gastronomía da década dos 70 e 80 pode parecer moitas veces case extinta, ante a alza das novas correntes culinarias, que traballan sistemas modernos e de “comida fusión”. As mesma guías gastronómicas parecen demostralo, cando os principais postos son ocupados por hostaleiros e restaurantes axustados a estas novas correntes.

Pero aínda quedamos moitos amantes da comida tradicional, fogóns e receitas que cumpren séculos de ser usadas e desgustadas por primeira vez. Este estilo gastronómico loita e mantense firme ante estes novos conceptos e mantense vivo no mercado, grazas ao esforzo e o bo manexo de insignes hostaleiros e restauradores.

Un exemplo disto é o que ocorre detrás dos lumes do emblemático restaurante Sanmiguel en Ourense, unha empresa que forma parte do sangue dos ourensáns dende hai máis de 70 anos, polas innumerables vodas e banquetes que moitos do nosos pais ou avós naqueles anos chegaron a gozar. O Sanmiguel foi un referente da gastronomía galega, chegando a recibir unha estrela Michelin preto dos anos 90, e sendo recoñecido coma a casa da boa mariscaría. O seu gran tamaño, con capacidade para máis de 200 persoas, era o sitio predilecto para celebracións matrimoniais, eventos gastronómicos, e grandes encontros familiares.

A historia deste gran restaurante deuse unha longa pausa sobre o ano 2013, debido ao xusto e merecido retiro e xubilación dos seus primeiros e principais xerentes. Aínda así, foi rescatado e reimpulsado novamente grazas a unha nova xerencia, composta por amantes da gastronomía e o bo servizo.

O Sanmiguel renace no 2015, e dende entón leva á vangarda novamente a cociña tradicional ourensá, o marisco fresco de lonxa, e as carnes de Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P). O segredo do seu éxito e boa recepción baséase en manter viva a gastronomía galega, da mans de amantes dos protocolos e os servizos, dándolle un xiro con modernos conceptos de atención ao cliente, servizos de alto coidado ao detalle, onde cada aroma, cada sabor, cada cor e cada forma, foron pensados meticulosamente para crear sensacións atemporais e de outrora, onde a nostalxia polos bos sabores é saciada pola súa insigne gastronomía.

Por suposto que non todo foi fácil. Cada membro desta empresa achegou un gran de area para a construción deste concepto gastronómico, e requiriu tempo para que todas as pezas asentásense no seu lugar. 

Queremos apostar polo produtor local” di Diego González Bóveda, Xerente do actual Sanmiguel. “O éxito do noso concepto non empeza dentro destas portas, senón dende as mans do pescador, do recolector, do produtor, do agricultor e do meticuloso traballador que esperta cada mañá ou se desvela cada noite, para garantirnos un produto de calidade e selo local. Non seríamos o que somos senón fóra por eles.”

A nova aposta desta empresa pola inclusión no convivium de Slow Food Compostela, é de forma paralela a súa forma de “agradecer á terra que nos nutre, e ao traballador local que da mesma forma tamén nutre a terra”.

O seu responsable de cociña é Manuel Ledo, nado en Chantada. A súa etapa entre fogóns comezou no 2013 cando optou por facer o ciclo medio de cociña no IES Vilamarín. Ese mesmo ano, nas vacacións, xa comezou a facer extras os fins de semana en "Casa Quinteliña" e cando rematou o ciclo, fixo as prácticas en Chantada en "A Faragulla" no cal se quedou tres anos. Decidiu seguir formándose e foise para Lugo a facer o ciclo superior no IES Sanxillao. Ao rematar, fixo as prácticas no "Mesón Colón" en Nadela. O Camiño de Santiago, foi a súa seguinte parada. Estivo en Portomarín unha tempada no restaurante "O Mirador".  

Manuel Ledo, xefe de cociña

A seguinte etapa do camiño foi en Palas de Rei nunha casa de turismo rural "A Parada das Bestas" donde tamen estivo unha tempada. Poucos días despois de estar de vacacións, chamárono para cubrir unha baixa no restaurante Campos en Lugo por pouco tempo. Actualmente está en Ourense no Restaurante Sanmiguel no cal xa leva un ano e uns meses.

Se visitas Ourense, non deixes de visitar este establecemento, que como moitos outros, forma parte da historia de outrora da cidade. A súa adega, a súa cociña, o servizo en sala, e o resto das persoas que alí traballan, farán que calquera día da túa visita, non pareza calquera día.


DATOS DE CONTACTO:

Rúa San Miguel, 12, 32005 Ourense

Web: https://sanmiguelourense.es/

Teléfonos: 988 236 006 / 636 727 585

E-mail: info@sanmiguelourense.com || eventos@sanmiguelourense.com

Instagram: www.instagram.com/sanmiguel.ourense