O Fogar do Selmo segue sumando razóns para figurar entre os destinos gastronómicos máis singulares de Galicia: acaba de recibir a distinción de Restaurante KM 0 por parte de Slow Food Compostela, un recoñecemento que honra a súa aposta polo produto local, a sustentabilidade e a cociña que respira territorio.
| Fonte: La Voz de Galicia |
Manuel Pérez Lois e a súa muller, Ana María Tomé, son a alma do Fogar do Selmo e quen deron nova vida á antiga casa de labranza familiar, converténdoa nun espazo onde gastronomía e rural se entrelazan con autenticidade. Manuel, con 15 anos de experiencia como carniceiro, achega un profundo coñecemento do produto e da importancia da súa orixe, mentres que Ana María é clave na xestión diaria, na atención aos visitantes e na cohesión dunha filosofía de traballo sostible e familiar. Xuntos apostan pola cría de porco celta na propia finca, pola horta e polo apoio a produtoras e produtores locais, creando unha proposta gastronómica que honra a tradición e os sabores de sempre. O Fogar do Selmo é, en boa medida, o reflexo da dedicación, o compromiso e o amor compartido por este proxecto que mantén viva a esencia do rural galego.
Ser un Restaurante KM 0 segundo o selo de Slow Food significa moito máis que utilizar ingredientes locais: implica entender que a gastronomía forma parte da identidade do territorio, da loita pola biodiversidade das razas e variedades tradicionais e do apoio directo ás persoas e pequenas explotacións que coidan a terra. Esta distinción só se concede a espazos que compren criterios claros de proximidade e calidade, favorecendo o uso de produtos da contorna e estacionais, prioritariamente dentro dun radio de 100 km, e valores como a colaboración con produtoras e produtores locais.
No Fogar do Selmo, ubicado no lugar de Casal do Poño, Urdilde (Rois), esta filosofía estivo desde sempre na base da proposta culinaria. A súa carta está construída sobre produtos propios e de proximidade: o porco celta criado na súa propia finca, a tenreira cachena de confianza local ou os galos e galiñas de Mos son exemplos de sabores que definen unha cociña que fala da terra e da tradición galega.
Este recoñecemento é tamén unha celebración da vinculación coa natureza e do respecto polo medio ambiente: a redución do impacto no transporte de alimentos, o fomento de prácticas máis sostibles e o apoio aos agricultores familiares son parte da visión que distingue aos espazos dentro deste movemento.
Así, o Fogar do Selmo non só ofrece unha experiencia gastronómica de calidade en plena natureza galega, senón que tamén se posiciona como referente dun modelo alimentario máis xusto, saudable e respetuoso co medio e coa cultura local. Un motivo máis para achegarse e descubrir por que a gastronomía de proximidade é tamén unha vía para preservar o patrimonio e fortalecer o rural galego.
Contacto:
☏ 981805269 | ✉ reservas@fogardoselmo.com
Web: fogardoselmo.es



0 Comentarios
slowcompostela@gmail.com