Na rúa da Acibechería, moi preto da Catedral de Santiago, hai un deses lugares que paga a pena descubrir con calma. Chámase Fame Neghra e naceu cunha idea moi sinxela: ofrecer comida caseira, ben feita e preparada con bos produtos, para levar.
Detrás do proxecto hai unha clara vontade de recuperar esa cociña que recoñecemos, a que sabe a casa e a receitas feitas sen présa. Unidos no persoal e no profesional dende hai máis dunha década, Andrea Viqueira e Óscar Durán conforman un tecido profesional sólido, versátil e complementario, dende que se coñeceron estudando cociña na Mariña Lucense.
Tras curtirse na alta cociña pasando por referentes como DSTAgE ou Árbore da Veira, e liderar proxectos de nivel nacional e internacional como a Abbaye de la Bussière na Borgoña francesa, unen toda esa traxectoria para dar vida ao seu proxecto máis persoal: «Reivindicamos o valor da comida caseira cunha proposta artesá, tanto doce coma salgada, deseñada para levar á casa ou comer mentres percorres a cidade. Unha cociña próxima e coidada ao detalle de principio a fin».
Óscar Durán: cociñeiro criado entre fogóns dende moi novo no negocio familiar, cun bagaxe que abrangue dende a alta cociña ata a gastronomía de produto. Destaca pola súa intuición, o seu respecto absoluto pola tradición e a súa capacidade para levar a comida caseira a outro nivel con receitas saborosas e actuais.
Andrea Viqueira: cociñeira compostelá cunha profunda visión creativa e organizativa. Complementou a súa formación na prestixiosa escola Espaisucre de Barcelona especializándose en pastelaría de restaurante; achega á cociña de Fame Neghra unha precisión técnica impecable, mestría no dominio de masas e texturas, e un rigor que eleva tanto a proposta doce coma a salgada.
Na súa oferta atopamos tortilla, empanadas, croquetas, chourizos ao viño, codillo de porco asado e outros pratos que van cambiando segundo o día e a tempada. Tamén preparan sobremesas artesás, como torta de améndoa, torta de queixo, pasteis de mazá ou tartaletas de limón.
Pero Fame Neghra é algo máis ca un lugar de comida preparada. Nos seus andeis tamén hai espazo para pequenos produtores e proxectos artesáns de Galicia. Queixos, embutidos, conservas, mel, aceite ou viños forman parte dunha selección feita con criterio e con respecto polo produto.
Entre as súas elaboracións máis especiais están As Xacobiñas, uns pequenos biscoitos con forma de cuncha que conectan directamente coa cidade e co Camiño de Santiago. Están elaborados con manteiga, fariña e froitos secos, e poden levar pistacho, améndoa, chocolate e noz ou abelás. Un doce sinxelo, coidado e cunha identidade moi compostelá.
Desde Slow Food Compostela gústanos especialmente atopar proxectos coma este, nos que a comida serve tamén para poñer en valor o traballo das persoas produtoras, os produtos do territorio e as receitas de sempre. Porque comer ben non ten por que ser complicado, pero si require coidado, tempo e respecto polo que temos preto.
Contacto:
☏ 694 30 92 36 | ✉ fameneghra@fameneghra.com
Web: fameneghra.com
.jpeg)




0 Comentarios
slowcompostela@gmail.com