No Colexio Lar (Mos, Pontevedra) entenden que o comedor escolar non é só un espazo para alimentarse, senón unha aula fundamental para a vida. Con esta premisa, o ano pasado deron vida a "Ecofood", un proxecto transformador que busca conectar aos alumnos coa terra, a saúde e a sustentabilidade.
A través de "Ecofood", o centro redeseñou a súa proposta alimentaria apostando de forma decidida polo produto local e de tempada . O obxectivo é que cada prato servido no colexio sexa bo para a saúde dos nenos e nenas, limpo co medio ambiente e xusto cos produtores galegos que coidan da contorna.
Para o Colexio Lar, formar parte da rede KM 0 de Slow Food Compostela é un paso natural. Permítelles sumar sinerxías e ensinar ás novas xeracións o valor da biodiversidade, o respecto polos ritmos da natureza e a importancia dunha alimentación consciente e pausada.
Con "Ecofood", o Colexio Lar non só alimenta corpos; cultiva valores, responsabilidade e o pracer para comer de forma sa e sostible desde a infancia.
A cargo dos fogóns e desta proposta nutricional, atópase Alexandre Caeiro, formado hai unha década como director de cociña na escola de Vilamarín. Cunha mirada posta na tradición galega e outra no benestar dos máis pequenos, Caeiro encárgase de deseñar e elaborar menús equilibrados onde o produto fresco de proximidade é o verdadeiro protagonista.
Xunto co seu segundo, Gonzalo Docampo, a premisa é clara. Levar “a comida da avoa” á realidade do día a día dun colexio. Ambos comparten experiencias dunha dilatada carreira, na que se apoian para levar a cabo os todos os procesos desde o seu principio, traballando de forma case exclusiva, produtos de primeira gama.
Á súa vez, expuxeron o concepto de “xornadas gastronómicas”, nas que cada mes, degústanse un primeiro e un segundo prato da gastronomía propia dun país ao azar. Tsasiki, falafel, tenreira strogonof ou pad thai, son só algúns exemplos.
A súa paixón pola cociña consciente e o seu compromiso cos valores de Slow Food, son o motor que transforma cada prato nunha lección de saúde, sabor e respecto pola contorna.

0 Comentarios
slowcompostela@gmail.com